domingo, 9 de abril de 2017

Presentación



      Este é un blog da nova materia que leva o mesmo nome, fauna e flora galega, unha optativa dunha hora semanal en 2º de bacharelato. O obxectivo é dar a coñecer ó alumnado especies de flora e fauna.
A implementación desta materia fundaméntase na necesidade de achegar coñecementos básicos da nosa contorna natural a un alumnado que, como a sociedade en xeral, está bastante desconectado da natureza, coas carencias que isto conleva, tanto de coñecemento como de actitudes e valores, enténdese así tamén esta materia, como un piar no fortalecemento de actitudes e valores neste eido da nosa contorna natural, e por extensión cara á natureza en xeral.
A experiencia práctica que teñen hoxe en día os mozos coa natureza é baixa en xeral, a falta de contacto cos ecosistemas así como coa súa flora e fauna, fan que a maioría do alumnado non teña unha idea clara do noso patrimonio natural, e polo tanto da importancia de conservar. E é ben sabido que non se pode valorar aquilo que non se coñece.
Pero saber máis sobre a fauna e flora non é a única razón desta materia e deste blog. A nosa saúde está ligada á natureza xa dende a infancia, cada vez son máis as voces que dende diferentes ámbitos como a psicoloxía, a medicina ou a pedagoxía coinciden en que o contacto coa natureza é beneficioso para o desenvolvemento das persoas, formándoos e ensinándolles a valorar a natureza estamos a ensinarlles a coidar o planeta, e que a natureza non está en sitios remotos, senón que estamos inmersos nela.
       Outro obxectivo importante de fauna e flora galega, que xurde da propia metodoloxía, é aprender a observar, abrir os ollos á natureza, esperando que lles quede para sempre aberta esa “ventá”, e sigan sumando especies novas, intentaremos que manteñan a curiosidade e que segan a aprender por eles mesmos.