Este é un blog da nova materia que leva o mesmo nome, fauna e flora galega, unha optativa dunha hora semanal en 2º de bacharelato. O obxectivo é dar a coñecer ó
alumnado especies de flora e fauna.
A implementación desta materia
fundaméntase na necesidade de achegar coñecementos básicos da nosa contorna
natural a un alumnado que, como a sociedade en xeral, está bastante
desconectado da natureza, coas carencias que isto conleva, tanto de
coñecemento como de actitudes e valores, enténdese así tamén esta materia, como
un piar no fortalecemento de actitudes e valores neste eido da nosa contorna
natural, e por extensión cara á natureza en xeral.
A experiencia práctica que teñen hoxe en día os mozos
coa natureza é baixa en xeral, a falta de contacto cos ecosistemas así como coa
súa flora e fauna, fan que a maioría do alumnado non teña unha idea clara do
noso patrimonio natural, e polo tanto da importancia de conservar. E é ben
sabido que non se pode valorar aquilo que non se coñece.
Pero saber máis
sobre a fauna e flora non é a única razón desta materia e deste blog. A nosa saúde está
ligada á natureza xa dende a infancia, cada vez son máis as voces que dende
diferentes ámbitos como a psicoloxía, a medicina ou a pedagoxía coinciden en
que o contacto coa natureza é beneficioso para o desenvolvemento das persoas,
formándoos e ensinándolles a valorar a natureza estamos a ensinarlles a coidar
o planeta, e que a natureza non está en sitios remotos, senón que estamos
inmersos nela.
Outro obxectivo importante de fauna e flora galega, que xurde da propia metodoloxía, é aprender a observar, abrir os ollos á
natureza, esperando que lles quede para sempre aberta esa “ventá”, e sigan
sumando especies novas, intentaremos que manteñan a curiosidade e que segan a
aprender por eles mesmos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario